martes, 7 de septiembre de 2010

Graciñas, Man

Xermán Castro Tomé, Man, xubílase e deixa a dirección do Diario de Ferrol e a min váiseme un mestre. O primeiro duns cantos, que o foi de tantos outros. Se cadra non foi el quen me aprendeu a chegar da rúa cun titular ou a escribir sen enfeites, que diso ocupáronse outros –Carlos Miragaya, Xosé María Fandiño, Nicolás Vidal, Montse Mayoral– nos meus primeiros meses de batalla no xornalismo do día a día. Pero foi el quen me descubriu algo hoxe pouco frecuente: que é posible facer un bo xornal axeno a calquera presión, política ou económica. E que o que nos fai verdadeiros é escoitar a todos.

Del non recibín nunca directriz algunha que non fose facer as cousas con boa fe. Con ese espírito e rumbo botouse Man hai máis de dez anos a ese mar de medios cun xornal pequeno. Hoxe grande porque foi quen de capitanealo con destreza e sen perder de vista ese destino de liberdade. Converteuno nun anaco das vidas dos ferroláns e do noso patrimonio. E así segue sendo, ceibe e grande, pero tamén familiar, lugar de xuntanza para amigos.

"Se va un histórico", escribía o mércores pasado en Facebook un deles, Raúl Salgado, xornalista animoso. "¿Has visto los cambios en el Diario?", preguntoume o domingo polo Twitter Carlos Correa, hoxe no outro lado da barreira. A nova chegoume a primeiros do pasado agosto, e sigo indeciso entre a ledicia e a mágoa. A Man deséxolle que siga sendo ese mestre do xornalismo ceibe; ó Diario, que o siga poñendo en práctica. Abofé que será así, pois fica en boas mans.

0 comentarios:

Publicar un comentario